Programa de Lecer Activo e Respiro Familiar TEMPUS 2025 para Persoas con Discapacidade Intelectual
Un ano máis poñemos á vosa disposición os Campamentos de Verán TEMPUS 2025, para persoas con discapacidade intelectual.
Dada a boa aceptación que tivo o ano pasado, incluímos dúas quendas en Melgaço (Portugal) ademais dos que tradicionalmente realizamos no Muíño de Pedroso. Teremos coma sempre puntos de recollida en Vigo, Santiago e Coruña, ademais de Ferrol, para poder facer máis accesible o desprazamento ata o Campamento. En función das inscricións de cada quenda e os lugares de orixe dos participantes, comunicarémosvos os horarios de recollida que realizará cada roteiro.
En todas as quendas enfocámonos principalmente a actividades físicas no medio natural adaptadas á condición do grupo participante, actividades sociais e lúdicas, que poidan proporcionar momentos de socialización e de participación en espazos e eventos públicos como calquera outra persoa que estea a gozar das súas vacacións.
Así, co obxecto de que poidan gozar ao máximo das actividades, o perfil dos participantes continúa sendo o de anos anteriores, persoas maiores de idade con discapacidade intelectual, límite, lixeira e media, con certa autonomía persoal, aínda que necesiten supervisión e apoios específicos e con habilidades sociais suficientes para poder convivir dentro dun grupo e seguir as normas das actividades, aínda que tamén neste aspecto necesiten supervisión e apoios específicos.
Enviámosvos unha ligazón á Ficha de Inscrición e á Folla de Reserva.
Para reservar a praza, teredes que enviarnos a ficha de inscrición cuberta a campamentostempuspcd@gmail.com ou ben, se aínda non é posible enviar a ficha completa, adiantade a folla de reserva de praza. O período prioritario de inscrición para as persoas socias (que participasen en edicións anteriores) será ata o 10 de xuño. A partir desa data ábrense as prazas restantes ao público en xeral que as solicite. As inscricións só se reciben neste email e as confirmacións tamén se vos enviarán por este medio. Lembrámosvos que as prazas se reservan por orde de inscrición.
Indicámosvos tamén a listaxe de material que é conveniente traer ao campamento. Este material será o seguinte:
- 3 bolsas de lixo negras (para a roupa sucia) e 3 bolsas de lixo azuis (para a roupa que permita varios usos: pantalóns, cazadoras, ...).
- Roupa e calzado cómodo, con algunha peza de abrigo . É moi recomendable que a roupa veña etiquetada para evitar extravíos. É conveniente que a roupa interior e a camiseta que se poña cada día veñan nunha bolsa zip individual (unha por cada día do campamento). Pantalóns e sudaderas poderán reutilizarse ata un máximo de 3 días. Mentres non pasen á bolsa de roupa sucia definitiva (negra), se tiveron algún uso pero non están sucias, irán ás bolsas azuis (reutilizar)
- Saco de durmir (excepto nas quendas de Melgaço).
- 2 pixamas, de pantalón longo (cambiarase a metade de campamento). Non se permitirá durmir con ningunha peza que se puxo durante o día. Para as quendas de Melgaço, pixama moi fresquiño, porque alí adoita facer calor.
- Neceser con útiles de hixiene persoal (non esquecer crema solar, cepillo de dentes e dentífrico, escuma e maquinillas de afeitar) se é posible etiquetado co seu nome todos os envases.
- Gorra ou visera.
- 2 Bañadores ou bikinis
- Chanclas para a ducha.
- 1 toalla de aseo e outra de ducha, e unha máis para a praia.
- Chuvasqueiro lixeiro ou impermeable, por se hai previsión de choiva para os días do campamento.
- Mochila pequena para as saídas ou para a praia/piscina.
- Poden traer diñeiro para os seus gastos persoais, como tomar algo nunha terraza, comprar un xeado, adquirir algo nun mercadillo ou comprar un recordo (aquelas persoas que o teñan autorizado).
- Medicación persoal con pauta médica de administración en bolsa zip e identificada.
- Se traen teléfono móbil o cargador identificado co seu nome.
Calquera información a maiores ou calquera cuestión que vos pareza interesante comunicarnos, podedes deixar unha mensaxe no teléfono 657 926 913 ou no correo electrónico campamentostempuspcd@gmail.com, deixando o voso número de teléfono e contactaremos convosco.
Moitas grazas pola vosa confianza un ano máis! Esperámosvos!!!
Un saúdo e Feliz Verán!!
ETL TEMPUS
Sin comentarios