ASOCIACION TEMPUS
Dámosche a benvida á Asociación Tempus, unha organización galega comprometida coa transformación da sociedade a través da educación en valores e a mellora da calidade de vida de diferentes colectivos.
A nosa razón de ser …
A Asociación de Acción Social, Educación Permanente e de Servizos á Mocidade e á Muller TEMPUS, foi fundada no ano 1999 por un grupo de persoas comprometidas coa idea de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria a través da educación non formal e a educación en valores, a atención de calidade á infancia, á mocidade e aos colectivos en risco de exclusión social.
Todas as persoas fundadoras tiñamos unha traxectoria no sector do lecer educativo e coñeciamos o gran poder da educación en valores como elemento transformador da sociedade. Así a creación de Tempus foi unha aposta por esa sociedade máis solidaria, ambientalmente sostible e que ve a diversidade como un valor engadido en lugar de como unha barreira.
A nosa meta …
A nosa visión como entidade é chegar a todos os colectivos e ser capaces de captar as súas necesidades, deseñar e poñer en funcionamento proxectos de lecer educativo e de intervención social, que melloren a súa calidade de vida a curto prazo pero que sexan o camiño para unha transformación social a medio e longo prazo. E iso a través dunha oferta de calidade, baseada nas persoas e os grupos reais e nos obxectivos para traballar en cada caso, desde o evento máis pequeno ao de maior envergadura, sexa nunha actividade propia ou un traballo para outras entidades ou Administracións Públicas, pero sempre a través do trato persoal humano, próximo e integrador e a través da profesionalidade do noso equipo.
Os nosos valores …
A educación en valores é un dos eixos máis importantes da nosa forma de traballar. Valores que consideramos universais, válidos para calquera persoa ou colectivo e respectando sempre todas as opcións persoais sempre que sexan respectuosas tamén co resto.
É evidente que, como persoas que somos, cada persoa do equipo ten unha ideoloxía, unha filosofía de vida máis ou menos definida. Debemos ser conscientes de cal é a nosa, e de que non podemos contaminar os nosos ensinos coa nosa propia concepción do noso mundo persoal. Por iso, debemos ter sumo coidado escollendo aqueles valores que inculcaremos, e sendo moi conscientes de non estar a confundir valores coas nosas ideoloxías persoais.
Cales son entón os valores que traballamos?. Aqueles que contribúen ao desenvolvemento integral, persoal e social de cada unha das persoas participantes, calquera que sexan as súas peculiaridades ou circunstancias:
SOLIDARIEDADE
Que quere dicir que cada membro da sociedade fai súas as necesidades e os problemas das outras persoas, así como as reivindicacións de colectivos diferentes ou en risco de exclusión social.
IGUALDADE
tratando a todas as persoas por igual e non permitindo discriminacións nin estereotipos dentro dos nosos grupos e valorando as diferenzas como algo que enriquece ao grupo en lugar de separalo.
LIBERDADE
sen a que é imposible elixir o noso propio camiño, liberándonos de prexuízos e de convencionalismos e buscando a esencia de cada persoa.
AUTENTICIDADE
que nos impulsa á busca da verdade e a ser honestos coas nosas ideas e conviccións.
COMPROMISO
que libremente asumimos para a traballar cara á transformación social, á axuda ás demais persoas e á construción da sociedade na que nos gustaría vivir no futuro.
SENTIDO CRITICO
que nos leva a través da reflexión para coñecer e comprender a sociedade, o seu funcionamento e diferenciar o que ten unha base real e o que son meras construcións sociais.
XUSTIZA
que nos impulsa a traballar porque os dereitos de homes e mulleres sexan respectados, e a rexeitar as situacións cotiás de inxustiza ou desigualdade.
PAZ
que nos fai buscar solucións por medio do diálogo e rexeitar a violencia como medio para resolver os problemas entre as persoas.
SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL
que nos fai sentirnos como parte dunha Natureza vista como un sistema en equilibrio ao que pertencemos, o que nos esixe unha conduta responsable co resto dos seres vivos e coas xeracións futuras.
IGUALDADE DE XÉNERO
como unha superación dos roles tradicionais asignados a cada sexo e traballando por unha sociedade na que a muller e o home poidan traballar e decidir en perfecta corresponsabilidade.
O QUE FACEMOS
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
Fomentamos a autonomía persoal e as habilidades sociais de persoas con diversidade funcional a través de programas especializados de lecer.
LECER E TEMPO LIBRE
Ofrecemos actividades de lecer educativo, campamentos para a infancia e a xuventude e Campos de Voluntariado, promovendo un desenvolvemento integral.
PROXECTOS ERASMUS +
Facilitamos inspiradores intercambios con xóvenes da Unión Europea no marco del programa Erasmus+, promovendo a diversidade e o espíritu crítico dos grupos participantes.
FORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN
Realizamos cursos oficiais para profesionais do tempo libre e proxectos de educación ambiental, educación para igualdade, para atención á diversidade, …
CELEBRACIÓNS E EVENTOS
Se buscas unha celebración diferente a todas as demais, na que se cuiden todos os detalles, e nunha contorna natural, este é o teu sitio. Se queres realizar Team-building ou potenciar a túa marca cun evento, chámanos!!